FEGAMA

 

É unha federación medioambiental sen ánimo de lucro e independente,  e que conta cunha base social e cun grupo de profesionais de eido medioambiental ao seu servizo que traballan para contribuír na constitución dun desenvolvemento sostible mediante a xeración e posta en marcha de alternativas ecolóxicamente sostibles, socialmente xustas e económicamente viables.

Agrupa 30 asociacións medioambientais repartidas polo rural galego, constituída para representar, defender , asesorar e establecer vías de comunicación e colaboración entre as asociacións que a compoñen, e que naceu co compromiso conxunto de axuntar esforzos co fin de aumentar o nivel de información , formación, sensibilización e participación no medio rural, conseguir incorporar unha producción limpa nas actividades do medio rural, conseguir unha maior capacidade no ámbito autonómico e favorecer a innovación das empresas rurais.  

Fegama nace coa pretensión de aportar á sociedade galega algo actualmente inexistente: perspectivas, ideas, recursos e solucións; aos retos medioambientais aos que se enfronta Galicia neste principio de século, concebidos dende dentro do mundo rural galego. No rural estan os principais recursos naturais de Galicia, os ecosistemas máis valiosos, os montes, espazos forestais e protexidos, as augas, a fauna e a flora de Galicia, as fontes de enerxías renovables, e non esquezamos, ás xentes que viven e interaccionan neste medio, e de cuxas iniciativas, actitudes e comportamentos, depende en gran medida o futuro medioambiental deste máis do 80% do territorio galego.

Fegama pretende cubrir o actual oco existente, de forma que lle poida dar voz e conciencia medioambiental a esta outra Galicia que é o rural, e incorporar aos seus habitantes e distintos axentes socioeconómicos ao desenvolvemento sostible.

E por suposto Fegama nace cunha clara vocación reivindicativa e de denuncia con respeto a calquer agresión que se faga contra o medio ambiente.