A Asosiación Medioambiental de Rodeiro visitou o pasado venres o Parque Nacional Peneda Gerés

 O Parque Nacional Peneda Gerés é un exemplo de xestión da conservación e de compatibilidade co desenvolvemento socioeconómico dunha zona protexida.

O Parque creouse o 8 de maio de 1971 debido ao seu interese científico nacional e internacional, co obxectivo de protexelo solo, a auga, a flora, a fauna e a paisaxe e preservar así mesmo, o seu valor en recursos naturais e humanos.

(Martes, 10 de marzo de 2009)

Este Parque Nacional é o único de Portugal, se ben existen numerosos parques naturais, paisaxes e reservas protexidos por todo o país.è a maior área protexida de Portugal. Situado na zona norte do país, é fronteira natural con Galicia na zona da Baixa Limia.

O parque engloba as Serras do Gerés, Peneda e Amarela con cumios que sobrepasan os 1500 m de altitude. A rexión está constituída por rochas eminentemente graníticas que en determinadas zonas, debido a acción da erosión, acadan formas de grande variedade e de impresionante beleza paisaxística.

Os agricultores e gandeiros que viven no Parque Nacional desempeñan un papel multifuncional: producen alimentos de calidade, entre os que destacan a produción de plantas aromáticas e alimentos naturais, protexen o medio ambiente, conservan a paisaxe, fomentan o turismo e manteñen o tecido económico e social da zona. Este papel multifuncional repercute en beneficio da sociedade en xeral.

Con esta visita pretendeuse promover o aproveitamento das potencialidades das zonas rurais coma Rodeiro, de forma que se mellore o comportamento ambiental das explotacións agrarias, favorézase a conservación de sistemas agrícolas e forestais tradicionais de alto valor ecolóxico, créense empresas que aproveiten os recursos dunha forma sustentable, aplíquense as vantaxes das novas tecnoloxías e foméntese a transformación industrial dos produtos na zona na que se xeran para conservar nela o valor engadido que supón a súa elaboración.

 
< Anterior   Siguiente >